random photo

Actividade investigadora

SIX e ordenación territorial

O obxectivo desta área é desenvolver aplicacións baseadas en sistemas de información xeográfica (SIX) e sistemas de apoio á decisión, que poidan ser empregadas nos procesos de planificación do uso da terra en áreas rurais ou urbanas. Estas ferramentas permiten realizar avaliacións multicriterio e a asignación espacial óptima para os usos da terra, así como modelar o crecemento urbano e identificar as direccións de cambio dos usos da terra. Este enfoque tense aplicado en varios estudios como:

  • Avaliación da produción en 17 comarcas agrarias de Galicia
  • Plans de ordenación municipal dos concellos de Láncara, Páramo, Guitiriz, Castroverde, Cervantes e Portomarín

Xestión de terras

A investigación nesta liña ten como obxectivo a análise e avaliación dos instrumentos existentes para a xestión de terras (bancos de terras, concentración parcelaria, ...), as técnicas para a avaliación de terras, os instrumentos para rexistrar e xestionar a propiedade (catastro, administración electrónica, ...), a elaboración de escenarios e o modelado do cambio dos usos da terra.

Teledetección e LiDAR

Esta liña de investigación diríxese á extracción automática información a partir de información capturada por sensores remotos: fotografía aérea, imaxes de satélite, láser aeroportado (LiDAR). Entre os produtos obtidos figuran os modelos dixitais de elevación, cartografía tridimensional de núcleos de poboación, avaliación da produción de madeira, avaliación do risco de incendio forestal, ou a clasificación automática dos usos do solo en áreas rurais.

Planificación e xestión do risco

Neste ámbito de traballo estanse a elaborar varios plans de emerxencia municipal orientados á adopción de medidas de prevención e á xestión eficiente das situacións de emerxencia. Estes plans complétanse con procesos de difusión de información ás comunidades locais. Tamén se mide a percepción do risco de incendio forestal, dada a súa importancia na rexión, para mellorar as políticas de planificación e xestión da emerxencia.

Cooperación para o desenvolvemento

Neste campo estase levando a cabo un proceso continuado de transferencia de coñecemento, apoio e formación a varios socios de Iberoamérica, particularmente en Ecuador, Nicaragua e Costa Rica. A colaboración realízase en varios campos, particularmente na ordenación do territorio, aplicando o enfoque LEADER, e a mellora do papel das mulleres na sociedade e na economía familiar.