O 10 de decembro Obradoiro Pensar a(s) comunidade(s) en Allariz

O sábado 10 de decembro ás 17:00h. terá lugar no Fogar dos Maiores en Allariz o Obradoiro Pensar a(s) comunidade(s): O conflito entre novas e vellas maneiras de habitar o rural galego, dinamizado polo Colectivo nacente “aldeas de Bogo” (María José Fernández e Celtia Traviesas, alumna do MasterTerra)
Este encontro aberto procura establecer un diálogo entre novas e vellas maneiras de habitar o rural –dende o máis social ao máis íntimo– para ver se é posible superalo e en que medida será ferramenta de mellora e transformación; asi como reflexionar sobre o concepto de comunidade(s). Cómo pensalas cando os límites son necesariamente difusos, tan “líquidos” hoxe en día? Cómo pensar a comunidade problematizando os conceptos que a compoñen: concepto de pertenza/non pertenza; membresía (é o mesmo que pertenza?); propiedade, bens comúns, formas de xestión e acceso, formalidade/informalidade, participación e representación.
O Encontro está aberto á participación, e conta coa colaboración do Concello de Allariz no seu desenvolvemento e apoio económico. a sesión terá comezará as 17:00h. no Fogar dos Maiores e Allariz
Esta sesión enmarcase dentro do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Comúns e Feminismos que é un espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través dos grupos pertencentes a rede REVOLTA, na que se encontr o grupo LaboraTe (impulsar do MasterTerra),  e o colectivo Montenoso, e conta cunha amplia rede de colaboradores. Nesta ocasión contamos co apoio da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de o Carballo.
A sesión está mediado por Colectivo nacente “aldeas de Bogo”, mais quen veñen sendo?
María José Fernández López
“Nacín en 1978 en A Pontenova, terra de altos fornos que define o límite Sur das Terras de Miranda. Enxeñeira forestal de formación, comecei a miña vida laboral na Escola de Enxeñería de Mieres, no eido da investigación agro-forestal. No 2011 din un xiro de 180 graos e volvín ó punto de partida para codirixir a empresa familiar en activo dende os anos 50. Son, pois, a terceira xeración de empresarias da madeira da miña familia. E, alèn da madeira, a poesía. Formo parte do colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar e parte dos meus poemas están aparecen en varias revistas literarias e publicacións colectivas. A última delas, “Aldeas sen voz”, un proxecto foto-poético que xira en torno á desaparición do rural galego. Ese espazo que, as que nun momento dado decidimos voltar, percibimos aínda cheo de futuro.
Dirixe a empresa familiar Maderas Torres”
E Celtia Traviesas Méndez
“Nacín en 1982, tamén na Pontenova. Cando tiña 4 anos leváronme vivir á Coruña. Pero seguín sendo da Pontenova. Penso que unha non é de onde circustancialmente vive, senón de a onde sempre lle gusta volver. Son enxeñeira agrícola e xornalista. Durante 8 anos estiven emigrada en Barcelona e alí exercín como xornalista en varios medios, entre eles La Voz de Galicia. Volvín e montei unha cooperativa de proxectos educacativos e culturais na Mariña lucense. Logo dirixin un xornal comarcal. Agora vivo en Vigo, ando metida en política. Cada vez menos, ou máis, aínda non o teño moi claro. Tamén son alumna do Masterterra.
Actualmente é asesora de eurodiputada”
Esta sesión é o resultado dunha convocatoria aberta á participación, na que xs participantes do Programa de Estudos seleccionaron un conxunto de 7 dinamizadorxs, podes ver o resultado e o resto das sesións nesta ligazón: http://estudosenmancomun.gal/resolucion-da-convocatoria-de-dinamizacion-de-modulos-do-peman/

 

 

Publicado: 1.12.2016