O IBADER acolle a inauguración da VI edición do Máster Terra, disciplina que só se imparte en España no Campus lucense

O Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) acolle este martes, ás 16:00 horas, a inauguración da VI edición do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, que imparte a Escola Politécnica Superior de Lugo e que se desenvolve conxuntamente neste lugar e no propio IBADER. O acto, ao que están convidados alumnos, organismos e entidades relacionados coa materia, contará, ademais, coa presenza do vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno, de representantes da Deputación e do Concello, así como a do coordinador desta disciplina académica, David Miranda.
 
Actividade formativa pioneira en España
 
Trátase dunha actividade formativa pioneira a nivel nacional, pois de todas as universidades españolas tan só o Campus lucense ofrece esta disciplina dende unha perspectiva multisectorial. Orientada a un perfil académico do investigador, está especializada na optimización da extensa riqueza territorial galega, lucense e española.
 
A modalidade telepresencial é outro dos aspectos que fan que esta sexa unha iniciativa única no ámbito universitario español. A través deste sistema, a Escola Politécnica ofrece a posibilidade de que alumnos extranxeiros e doutras universidades completen o curso sen necesidade de desprazarse a Lugo, participando no desenvolvemento da actividade lectiva nas aulas. Dispón de 60 créditos, e 22 prazas das que 3 son a tempo parcial e 8 reservadas para alumnos de fóra do territorio nacional. O prazo de matrícula remata o 2 de outubro, e pode realizarse a través da páxina oficial da USC.
 
O  máster conta coa colaboración de entidades públicas e privadas, tales como a Deputación de Lugo ou a Fundación Juana de Vega, entre outras.
 

Publicado: 15.09.2015