O masterterra da Politécnica de Lugo favorece a inserción laboral do alumnado, ofertando por primeira vez prácticas en empresas e organismos relacionados coa xestión territorial

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, a través do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, favorecerá a inserción laboral do alumnado que curse esta disciplina con prácticas en empresas relacionadas e organismos relacionados coa organización territorial.  Así o anunciou este martes o coordinador desta materia, David Miranda, na inauguración da mesma, e na que estivo acompañado do vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno; da vicepresidenta segunda da Deputación, María de los Ángeles Teijeiro; e do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.
Tal e como subliñou Miranda, trátase da primeira vez que o máster incorpora esta modalidade, e faino, indicou,  “co fin de facilitar a introducción do alumnado no mercado laboral”; cuestión que para os docentes é algo indispensable. “O noso fin último é que os nosos estudantes acaden a formación necesaria e que logo atopen un posto de traballo”, afirmou o coordinador. Para elo, a organización levará a cabo un convenio de colaboración entre os alumnos e as entidades e empresas interesadas, “pero, sempre, tutelado polos docentes da Escola e do máster e o persoal investigador”, precisou o profesor titular da USC.
 
A innovación, eixo central
Durante a súa intervención, David Miranda tamén explicou que a innovación nesta materia, aplicada ao mundo laboral, é outro dos eixos centrais do máster. Tal é así que, o mellor alumno será premiado cun contrato laboral no propio grupo de investigación. Este terá unha duración de seis meses; período nos que o seleccionado/a estará tutelado polo Laboratorio do Territorio (LaboraTE). Esta entidade conta con máis de 20 anos de experiencia e recoñecido prestixio no mundo da I+D+I, aplicada á xestión territorial. Está asociada á Escola Politécnica Superior de Lugo e, por tanto, colaboradora co máster que foi inaugurado hoxe, e que se desenvolve no IBADER.
 
Deste xeito, os profesionais do LaboraTE serán os encargados de asesorar aos alumnos para que, unha vez rematado o prazo do contrato, se poida iniciar no mercado laboral como emprendedor.
 
Actividade formativa pioneira en España
O máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, más coñecido como masterterra, é unha actividade pioneira a nivel nacional, pois de todas as universidades españolas tan só o Campus lucense ofrece esta disciplina dende unha perspectiva multisectorial. Orientada a un perfil académico do investigador, está especializada na optimización da extensa riqueza territorial galega, lucense e española.
 
A modalidade telepresencial é outro dos aspectos que fan que esta sexa unha iniciativa única no ámbito universitario español, tal e como puideron comprobar os asistentes ao acto de inauguración desta disciplina formativa. A través deste sistema, a Escola Politécnica ofrece a posibilidade de que alumnos extranxeiros e doutras universidades completen o curso sen necesidade de desprazarse a Lugo, participando no desenvolvemento da actividade lectiva nas aulas. É o caso, de varios estudantes de Ecuador, quenes tamén seguiron o acto inaugural a través desta modalidade.
 
Cada ano, este tipo de formación se vai consolidando máis, de tal xeito que é a escollida por un bo número de estranxeiro. Concretamente, e segundo as estatísticas que manexa a organización do máster, o 15% do estudantado soe ser internacional, preferentemente de Brasil, México, Colombia, Portugal e República Checa; entre o 15 e o 20% nacional e, o resto, da comunidade autonóma.
Por todo elo, tanto a representante do organismo provincial como o da entidade local incidiron na importancia de que esta disciplina se imparta en Lugo, e manifestaron a súa vontade de seguir colaborando coa mesma, pois esta cooperación é a que, en palabras da vicepresidenta segunda, “permitirá establecer las bases para optimizar los recursos del territorio, tan amplio que tiene nuestra provincia”. Na mesma liña, Daniel Piñeiro, subliñou que “dada la extensa zona rural que tenemos, este máster cobra aún más significado”.  Esta colaboración institucional tamén foi destacada polo vicerreitor; “una línea de fomento”, engadiu, que “es la que permite que este año la matrícula de Campus se haya incrementando en un 8% con respecto al anterior”.
 
Composición do máster
O masterterra dispón de 60 créditos, e 22 prazas das que 3 son a tempo parcial e 8 reservadas para alumnos de fóra do territorio nacional. O prazo de matrícula remata o 2 de outubro, e pode realizarse a través da páxina oficial da USC, no seguinte enlace: https://matricula.usc.es/LoginX/Login.asp.
 
Ten unha duración de ata dous anos como máximo. Aborda a xetión territorial,  integrando coñecementos doutras titulacións como as Enxeñerías de Montes ou Agrónomos, Arquitectura, Xeografía ou Economía.  As asignaturas que se imparten están relacionadas coa política do desenvolvemento do territorio, a xestión de terras, a avaliación de plans urbanísticos, valoracións catastrais ou técnicas de análise de información espacial como os coñecidos xeoradar e drons. E dicir, que “ten unha enorme aplicación práctica en cada metro cadrado do territorio, ben sexa este urbano ou rural”, segundo destacou Miranda.
 
Dezaséis profesionais expertos na materia e outros quince visitantes -isto é, convidados ou que aplican a súa formación en empresas- integran o persoal docente. Conta coa colaboración e financiamento de entidades públicas e privadas, tales como a Deputación de Lugo ou a Fundación Juana de Vega, entre outras.  Finalmente, cabe destacar que, os mellores proxectos de fin de máster, tamén son publicados pola USC nunha das publicación anuais da mesma.
 
 
 
 

Archivo: 
Published: 15.09.2015